4/29/2013

O BNG presenta dúas mocións; retirada da LOMCE e polo mantemento do Xulgado de Paz e gratuidade dos Rexistros Civís.

O BNG do Concello da Pobra do Brollón presentou dúas mocións; para a retirada da LOMCE (ou Lei WERT) e outra polo mantemento do Xulgado de Paz e a gratuidade dos Rexistros Civís.

Na primeira delas a LOMCE, Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, instamos á Xunta para que solicite ao goberno do Estado a retirada do Anteproxecto de Lei para a Mellora da Calidade Educativa, por invadir as súas competencias. Ademáis de que o sistema educativo potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país. Este Anteproxecto de Lei presenta un texto fondamente centralizador, clasista e sexista, que mercantiliza a educación e pretende afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático.

As recentes noticias publicadas nos medios de comunicación, así como os borradores de Reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Rexistro Civil, veñen a pór de manifesto que o goberno do PP no Estado quere eliminar os Xulgados de Paz e os Rexistros Civís, de tal forma que estos últimos pasan a ser competenica dos Rexistros da Propiedade.
Os Xulgados de Paz  xogan un papel moi importante no achegamento da administración de Xustiza aos cidadáns, evitando desprazamentos, co que a súa supresión vai afectar negativamente a moitas persoas, sobre todo no rural.
No que atinxe á modificación dos Rexitros Civís, non só se aborda a súa eliminación, senón que ademáis encoméndase a súa competencia a Rexistradores da Propiedade, de xeito que un xervizo deica agora gratuito pasa a ser de pago.
É polo que desde o BNG da Pobra do Brollón expresamos o noso rexeitamento á proposta do Goberno do Estado de supresión dos Xulgados de Paz, así como á asunción por parte dos Rexitros da Propiedade e das Notarías das funcións dos Rexistros Civís, solicitando a inmediata retirada deste Anteproxecto de Lei e instar a Xunta de Galiza para que demande do Goberno Central o mantemento dos Xulgados de Paz, así como que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.

4/12/2013

Peche simbólico do Concello en solidariedade cos estafados polas preferentes e subordinadas

Hoxe  na Pobra do Brollón  o Concello fixo un peche simbólico en solidariedade cos estafados polas preferentes e subordinadas e fixo público un manifesto no que reclama a devolución do 100% dos aforros e amosa o seu apoio e soliedariedade. Na Pobra do Brollón hai 107 persoas estafadas.
  Velaí o manifesto do Concello lido polo tenente de alcalde Ricardo Rodicio.

O Concello de A Pobra do Brollón, tras coñecer que o PP acaba de aprobar outra norma para executar o roubo dos aforros de galegos e galegas, a través da maioría que posúe no Congreso dos Deputados, quere transmitir á opinión pública as seguintes cuestións:

1. Que a decisión política que ampara esta estafa está baseada unicamente nos intereses do sector financeiro, consolida o culto á usura e á desigualdade e afonda aínda máis na separación entre unha elite máis rica e unha maioría da poboación cada vez máis empobrecida.

2. Que existe un comportamento demagóxico por parte de deputadas e deputados galegos do Partido Popular que, mentres din solidarizarse e estar á beira das persoas afectadas, aproban directamente ou consenten con complicidade a posición política do seu partido, aliado da banca e dos intereses financeiros e que, por tanto, ao non representaren a cidadanía galega, merecen a nosa reprobación pública.

3. Que este atentado contra aforradores e aforradoras supón un grave prexuízo individual e colectivo para a nosa economía, pois quítannos a posibilidade de que unha parte substancial desas cantidades acabe por significar investimentos no propio concello que poderían axudar ás pequenas economías locais en tempos de crise.

4. Que, nese sentido, queremos sumarnos ás voces que exixen a devolución íntegra das cantidades que as persoas aforradoras depositaron sen recibiren información adecuada do produto que adquirían.

5. Que, simbolicamente, decidimos pechar durante 17 minutos (entre as 11:43 e as 12:00) o 43% das dependencias municipais o día despois de se cometer un acto que xulgamos indigno e contrario aos intereses de veciños e veciñas do noso concello e do conxunto do noso país. Transmitímoslle así á cidadanía a nosa vontade de continuar a defender a modificación dunha lexislación e dunhas decisións políticas que tentan eliminar totalmente as nosas posibilidades de desenvolvemento.

4/05/2013

O BNG renova os seus órganos de dirección en Lugo Sul

O BNG renova os seus órgaos de dirección en Lugo Sul

O BNG de LugoSul elixiu, en asamblea, o que será o próximo órgano de dirección na comarca. Esta elección encádrase dentro do proceso de renovación dos órganos de dirección tras a celebración da XIV asamblea nacional do BNG.

A responsabilidade comarcal seguirá en mans do actual reponsabel, Ricardo Rodicio, e o consello comarcal estará integrado por un total de 15 persoas elexidas por unanimidade na asamblea, ao que haberá que sumarlle os responsábeis locais elexidos nos próximos días.

Tras a elección do novo portavoz nacional, Xavier Vence, e coa renovación do consello comarcal o responsábel comarcal manifestou que “este segue a ser un proxecto ilusiónante e temos que conseguir recuperar o papel político que o BNG sempre tivo entre a sociedade galega, reconectar coa cidadanía, ser a opción da maioría d@s galeg@s e unha alternativa ás políticas neoliberais que encarna o partido popular no Estado español e Galiza”.
A este proceso presentouse unha única lista que foi referendada por unanimidade pola asamblea celebrada o mércores.
CONSELLO COMARCAL DE LUGO SUL
  • Ricardo Rodicio González, responsábel comarcal, acción institucional, comunicación e imaxe. A Pobra do Brollón
  • Maria Pilar López Martínez, vice-responsábel comarcal, alternativas programáticas e formación, Monforte
  • André Sánchez Labandeira, responsábel de organización e estratexia comarcal, Chantada
  • Iván Antonio Alvarez Merayo, reponsábel finanzas e campañas, Monforte
  • Antía Nieves Rodríguez, responsábel política municipal, O Saviñao
  • Rosa Ana Somoza Vila, responsábel de acción feminista e igualdade, Monforte
  • Isidro Rajo Parga, responsábel de acción social e políticas sectoriais, O Saviñao
  • Concepción García Iglesias, Taboada
  • Severino Rodríguez Díaz, Monforte
  • Xosé Lois Maceda Vilariño, A Pobra do Brollón
  • Óscar Alonso Díaz, Sober
  • Xosefa Rodríguez Rodríguez, A Pobra do Brollón
  • Xosé María Rodríguez Castro, Bóveda
  • Xosé Lois Fernández Hermida, Carballedo
  • Rosa Ana Prieto Florines, Pantón

4/04/2013

SECTOR VINÍCOLA E NODO LOXÍSTICO, PRIORIDADES DO BNG PARA MONFORTE E COMARCA.

Vai � web do BNGVai a web dos Verdes-ALE

Sector vitivinícola e nodo loxístico, prioridades do BNG para Monforte e comarca

MIRANDA MONFORTE
Monforte consolídase como nodo loxístico de transporte de mercadorías dentro do mapa da Rede Transeuropea de Transportes 2014-2020
Rodríguez adianta que agora priorizará esforzos para concretar prazos de execución e orzamentos para esta infraestrutura vital para a Comarca de Lemos
Monforte, 4 de abril de 2013 .- A eurodeputada nacionalista Ana Miranda desprazouse a Monforte para abordar co alcade, Severino Rodríguez, dous temas prioritarios para o concello e o conxunto da Comarca de Lemos que están na recta final do debate na Unión Europea : a repercusión da Política Agraria Común 2014-2020 no sector vitivinicola da Ribeira Sacra e a situación na que queda Monforte dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T), que marca a folla de ruta das grandes infraestruturas europeas para os próximos anos.
En relación ao sector vitivinícola, na reunión mantida con alcalde e co Consello Regulador da Denominación de Orixe Riberira Sacra, Miranda confirmou que a futura Política Agraria Común (PAC) mantén os dereitos de plantación de viñedos ata o 2030, superando a proposta inicial de liberalizar o sector en 2015. Unha medida que o BNG defendeu no debate da PAC ao seu paso polo Parlamento Europeo, en consonacia coa demanda do sector vitivinícola da Riberira Sacra.
Coa prolongación dos dereitos de plantación, «queda garantido que a Ribeira Sacra seguirá producindo viño de alto valor engadido, con prezos que permitan aos produtores manter un nivel de renda que compense o enorme esforzo do seu traballo, non só desde o punto de vista económico, senón tamén medioambiental, paisaxístico e de conservación do territorio», explica a eurodeputada nacionalista.
Neste sentido, Miranda salientou «o valor pasaixístico e patrimonial que os viñedos teñen na Ribeira Sacra, convertidos nun sinal de identidade de Monforte e comarca, capaz de xerar unha actividade económica que abarca a produción de viño, pero tamén ao turismo de calidade, a xeración de emprego e a preservación do territorio», argumentou.
Miranda tamén fixo referencia durante o encontro coa directiva do Consello Regulador ás axudas directas previstas na PAC para aquelas explotacións que cumpran unha serie de requisitos de conservación do medioambiente ou sexan consideradas zonas de especial dificultade orográfica. «As explotacións vitivinícolas da Ribeira Sacra cumpren ambos requisitos, polo que son receptoras deste tipo de axudas», salientou.
Monforte, no mapa europeo de transportes
A segunda cuestión a debate en Bruxelas importante para Monforte e a súa área de influencia é a Rede Transeuropea de Transportes, documento que establece cales serán as grandes infraestruturas europeas para os próximos anos, e que tamén foi tratado no encontro entre Miranda e Rodríguez.
Neste sentido, o alcalde monfortino confirmou que o denominado Porto Seco de Monforte figura como un dos tres grandes nodos loxísticos de toda Galiza, xunto con Coruña e Vigo (Plisan), cos que ademais queda conectado vía Lugo e Ourense respectivamente, «tras un traballo colectivo de todos os grupos políticos e sectores económicos e sociais da comarca», recalcou.
Figurar como nodo loxístico nese mapa das infraestruras europeas significa para Monforte ter unha terminal bimodal que integra ferrocarril e estrada para o transporte de mercadorías, e consolidarse como punto principal para organizar o transporte ferroviario de mercadorías, como porta de acceso e saída caro o resto do Estado, Portugal e Francia conectando co resto de Europa.
“Conseguido este primeiro obxectivo, xa adianto que agora a prioridade como alcalde neste tema será facer as xestións necesarias co Ministerio de Fomento para concretar prazos de execución e investimentos específicos para facer realidade este nodo loxístico canto antes”, explicou Severino Rodríguez, para quen é preciso establecer prazos e cantidades a investir que sumen tanto as aportacións da Unión Europea como as do Goberno central.
Nesta segunda fase de cara a materializar o nodo loxístico, Rodríguez salientou que, de novo, buscará a complicidade e o apoio de todos os axentes políticos, económicos e sociais, empezando por convocar a todos os alcaldes da Comarca “posto que se trata dunha oportunidade para o conxunto da Comarca de Lemos”, e insitiu en salientar que o Porto Seco “será mérito de todos, posto que é un traballo de todos”, concluíu.

4/02/2013

MOCIÓN DO BNG SOBRE O NOVO COPAGO DOS COMEDORES ESCOLARES.



                           


  MOCIÓN SOBRE O NOVO COPAGO DOS COMEDORES ESCOLARES


 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O pasado día 12, deste mes de marzo, o goberno do PP na Xunta de Galiza deu a coñecer un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas cunha medida que afecta directamente ao alumnado do noso país. O goberno do PP  anuncia a ampliación do copago do servizo de comedor escolar.

Esta decisión carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo. Un servizo necesario  para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación que, con esta imposición do goberno do PP, vén a deteriorar o ensino público no que respecta ao servizo de comedores escolares.

Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras; recortes nos orzamentos dos centros;  recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.

Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero e que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal da Pobra do Brollónl a adopción do seguinte

ACORDO

1.         Instar á Xunta de Galiza a non estabelecer un novo copago no servizo de comedores escolares.

2.         Demandar da Xunta de Galiza velar polo dereito á educación, garantindo un servizo de comedor escolar de calidade para o alumnado que o necesite.

3.         Instar á Xunta de Galiza a ampliar o servizo de comedor gratuíto ao alumnado con poucos recursos económicos do ensino infantil e de primaria.

 

A Pobra do Brollón, 18 de marzo de 2013.
A moción foi aprobada cos votos favorables do BNG, PSOE e Independentes e a Abstención do PP.

A POBRA DO BROLLÓN NA DEFENSA DA ÁREA SANITARIA

Veciños e veciñas da Pobra do Brollón participaron na multitudinaria manifestación (máis de 9000 persoas) celebrada o día 16 de marzo en Monforte en defensa da sanidade pública e da Área Sanitaria de Monforte. O presidente Feijóo incumpriu a sua palabra e o Hospital de Monforte dependerá da Área Sanitaria de Lugo ao igual que o hospital da Mariña.