4/28/2012

A Xunta de Galiza pón en perigo o Servizo de Axuda no Fogar.


 Non é de recibo a negativa da Conselleira de Traballo e Benestar a recibir a representación da Deputación de Lugo para demandar modificacións no modelo de financiamento do sistema de benestar nos concellos menores de 20.000 habitantes e que, mesmamente, o feito de que o remitan a unha reunión coa Secretaria Xeral de Política Social, Coro Piñeiro, é unha mostra da falla de respecto que debe presidir as relacións entre as diferentes administracións pero, sobre todo, é a demostración da máis absoluta insensibilidade ás demandas sociais daqueles que máis precisan de axuda por parte das administracións públicas. O  debate é que hai uns servizos que son necesarios para a cidadanía e que eses servizos precisan de financiamento por parte do conxunto das administracións. Neste punto é onde queremos atopar á Xunta de Galiza, posto que o que se precisa é un novo modelo de financiamento para o sistema de benestar, un modelo de financiamento que deban definir os actores a quen lle corresponde segundo a Lei de Servizos Sociais o financiamento do sistema e por iso mesmo demandamos unha nova reunión coa conselleira de Traballo e Benestar con este grupo de traballo, que xermolou onte coa iniciativa que partiu da Área de Benestar da Deputación e onde están representados os alcaldes da provincia que quixeron formar parte, do PSOE e do BNG, e á que agardamos a suma de novos mandatarios locais”.
As comarcas de Lugo viven unha situación límite en materia de benestar,  a día de hoxe periga o servizo de axuda a domicilio en 66 dos 67 concellos de Lugo, senón que este modelo de financiamento recollido no Decreto 99/2012 do 16 de marzo, decreto que por certo foi informado desfavorabelmente polo Consello Consultivo de Galiza e pola Asesoría Xurídica Central, recolle a ausencia de financiamento autonómico para os centros de maiores e as escolas infantís de titularidade municipal, así como para as unidades de traballo social. No caso das escolas infantís temos que ter en conta que coa entrada da norma corren o risco de desaparecer na provincia 504 prazas, así como os postos de traballo asociados ás mesmas. Outro tanto acontece coas preto de 300 prazas que perigan tanto en vivendas tuteladas como en centros de día e residencias. A todo isto temos que sumar os 168 traballadores e traballadoras das unidades de traballo social en diferentes concellos da provincia, estamos falando de educadores, persoal das oficinas de inmigración, dos centros de información á muller, cuxo emprego estaba vinculado á axuda autonómica para estes servizos e que polo tanto teñen o emprego no aire. Sería bo, polo tanto, que administración autonómica tomase nota da demanda que hoxe recolle algún medio de comunicación onde traballadores dos servizos sociais da provincia solicitan diálogo entre as diferentes administracións para que os servizos se poidan seguir a prestar. Non temos dúbida algunha que no caso de que este Decreto non sexa modificado e a Xunta non asuma a súa competencia no financiamento dos servizos sociais básicos, o raquítico Estado de Benestar con que contamos na actualidade sería borrado dun plumazo no conxunto da provincia de Lugo”.
A Deputación de Lugo ten toda a vontade e todo o compromiso para que as xentes desta provincia non queden colgadas precisamente nun momento de crise económica onde a conxuntura é aproveitada como coartada para aumentar as desigualdades sociais. Para verificar este  compromiso abonda pasar unha ollada aos orzamentos da corporación provincial, onde se recollen 600.000 euros para o servizo de Axuda no Fogar. Nós non temos interese algún en polemizar e de entrar no xogo de “e eu máis”, posto que o que queremos son solucións para os problemas da xente, algo que demandan  todos os alcaldes, incluídos os do PP. Aínda así é necesario clarificar que en 2010 a Xunta aportou para o SAF básico 1.100.000 euros e a Deputación de Lugo 500.000 euros, que en 2011 a Xunta aportou 443.000 euros e a Deputación de Lugo 500.000 euros, e que en 2012 a Xunta aporta CERO euros e e a Deputación de Lugo aumenta aos 600.000 euros. En definitiva, a día de hoxe hai unha administración que é a Deputación de Lugo que ten comprometidos 600.000 euros para Axuda no Fogar, e outra que é a Xunta de Galiza que aporta CERO euros. E isto ten que ser modificado.

4/21/2012




O BNG presenta emenda á totalidade aos Orzamentos de Rajoy 2012 por "inxustos"

Madrid, 20 Abril 2012. O BNG rexistrou hoxe a emenda á totalidade aos Orzamentos Xerais do Estado 2012 polo seu profundo carácter anti-social e ineficaces para reactivar a economía e crear emprego.

O BNG acusa ao Goberno de Rajoy de “renunciar a impulsar políticas de estímulo para reactivar a economía e a creación de emprego”, e renunciar a unha distribución xusta dos custes da crise. Repróchalle que o obxectivo que orienta aos Orzamentos do Estado é a reducción do défice até o 5,8% do PIB “relegando así as políticas sociais”.

Recorte drástico do gasto social

Uns orzamentos que “apostan polo recorte drástico do gasto público”, o que supón a renuncia do Estado a exercer de motor da economía através do investimento produtivo. Ademáis, renuncia a incrementar a capacidade recadadora do Estado mediante unha política fiscal progresiva. Un proxecto “regresivo en materia de prestacións e servizos sociais, uns orzamentos que inciden en medidas inxustas para a maioría da sociedade”.

Nos límites orzamentarios que impoñen ás CC.AA, superiores ao volume de gasto público que xestionan, implican importantes recortes no ensino e na sanidade, de dimensións brutais.
O gasto social cae en 8.000 millóns, a Lei de Dependencia “non ten dotación económica”, as partidas destinadas ao fomento do emprego redúcense en 1.500 millóns, un 21,3% menos que para o ano 2011. Recórtanse as bolsas e axudas para estudantes nun 11,8%”.

O Ministerio de Fomento sofre un recorte do 34,6% en relación ao 2011, o de Agricultura e Medio Ambiente do 31,2% e o de Industria do 31,9%, o que “supón un enorme descenso do investimento público produtivo, con especial incidencia nas áreas ligadas ao I+D”.

Artificio orzamentario para Galiza

En relación a Galiza, “inténtase compensar a reducción orzamentaria real dos investimentos na Galiza mediante un artificio orzamentario non detallado e non executábel na práctica que implicará que vaian ficar en mera propaganda electoral. E outras necesidades reais de Galiza carecen de dotación”.
A inversión real dos Ministerios en Galiza sufre unha caída de 250 millóns, un descenso do 38,6%. “Estamos ante un artificio orzamentario, no que o Goberno infla partidas que logo non poderá

executar na súa totalidade”. Para iso, o Executivo infla artificiosamente o investimento que consigna ao sector público empresarial, sobre todo no relativo ao AVE, destinando unha partida de 701 millóns ao tramo Ourense-Olmedo-Zamora, e 312 millóns para o Eixo Atlántico.

Jorquera critica que o Eixo Atlántico pase agora ao ADIF cando o xestionaba Fomento. Non hai ningunha trasnferencia patrimonial do Goberno ao ADIF que tería que recurrir á débeda. A partida destinada ao tramo Olmedo-Zamora-Ourense non se está en condicións de executar dado o estado dos proxectos. Sen esquecer que non se detallan as actuacións concretas dos 701 millóns”.

4/12/2012

Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)


Hoxe ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Monforte e organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega tivo lugar unha Conferencia (Presentación) a cargo de Francisco Rodríguez autor do libro "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)". No ano 2010 cumpríronse 125 anos da morte de Rosalía de Castro. Todo o que se fixo, e que non foi pouco, ante a indiferenza mal disimulada e a hostilidade oficial, foi á inicitiva social, impulsado por sectores populares ou pequenas empresas conscientes do seu valor e da súa vixencia, coa axuda dalgúns concellos. O libro hai que inserilo dentro do esforzo colectivo por nos facer conscientes do noso propio valor, neste caso do valor dunha obra literaria e dunha muller, Rosalía de Castro, que trascenden o campo da literatura por seren sintomáticas da aspiración e do dereito á existencia do pobo galego, e tamén dunha perspectiva da historia e do mundo xenuína e moi esclarecedora, imprescindíbel.
Admiraremos a unha Rosalía no seu papel de adiantada a seu tempo, como vangarda e a súa especifidade orixinal. Decatarémonos do proceso de asimilación ou integración político-social da súa figura e comprederemos a recondución ou readaptación do seu significado, en que dirección se fixo para acomodala a unha visión permitida e asumíbel, e dicir, como se manipulou a súa obra e a propia práctica social da escritora encaixándoa no tópico e no estereotipo acordes coa visión dunha Galiza submisa.
De seguro que vai incitar a reler a obra rosaliana, nuns casos; noutros, a lela na súa totalidade; en moitos, a achegarse a ela por primeira vez con interese e devezo.

4/09/2012

O ministro de Guindos fai trampa e prepara o terreo para o copagamento na Sanidade.



O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados e candidato á Xunta de Galicia,
Francisco Jorquera, cre que o ministro de Economía e Competitividade, Luis de
Guindos, "fai trampa" cando apunta á progresividade na sanidade, pois
"na práctica" esta medida "conduce ao copagamento". Advirte
que o Goberno central pretende, coa apertura deste debate, "preparar o
terreo para un recorte" nos servizos públicos.
A xuízo do nacionalista, a progresividade "hai que establecela"
no sistema impositivo, mediante a esixencia "dun maior esforzo fiscal a
quen máis ten", ás rendas altas, para, a través diso, garantir a
prestación "pública, universal e gratuíta" dos servizos básicos como
o ensino e a sanidade.
"O señor De Guindos fai trampa. Fai trampa porque apela á progresividade
para xustificar medidas que atentan contra un principio básico do Estado do
benestar", criticou Jorquera a preguntas dos xornalistas nunha rolda de
prensa para presentar a emenda á totalidade contra a reforma laboral do Partido
Popular.
A este respecto, o voceiro do Bloque na Cámara Baixa censurou o
"exemplo ridículo" posto por Luis De Guindos, ao sinalar que
"non é xusto que o señor Botín, se vai á sanidade pública, esta sexa
gratis". "Confúndese o señor De Guindos. O que ten que esixir é que o
señor Botín contribúa máis á Facenda e ten que adoptar medidas para penalizar
que a familia do señor Botín teña contas en Suiza, incidiu Francisco Jorquera.
"REFORMA
INTEGRAL"
Nesta liña, o tamén aspirante do BNG ao Goberno galego avogou por fixar
"unha maior progresividade no sistema fiscal" mediante unha
"reforma integral do sistema impositivo", coa vista posta na
persecución e penalización "real" da fraude fiscal e na esixencia
"dun maior esforzo" ás rendas altas. "Como o Bloque Nacionalista
Galego sempre demandou", apostilou.
Este luns, o ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos,
descartou o copagamento en materia de sanidade porque "non é a
panacea", pero avogou por abrir o debate sobre a progresividade, no que se
teñan en conta, por exemplo, os ingresos, co fin de manter a calidade do
sistema sanitario español.

4/06/2012

Fusións de concellos: Deixémonos de trapalladas.



Tres obxectivos pretendía Feijóo coa posta en escena
da fusión de Oza dos Ríos e Cesuras: saír indemne do debate do estado da
nación, diluír un debate serio sobre a organización territorial de Galiza e
deter unha crecente corrente de opinión entre os seus alcaldes a favor da
supresión das Deputacións. A cortina de fume cumpriu parte do seu primeiro
obxectivo coa inestimable colaboración de todos os medios afíns, o segundo
cómpre ao BNG paralo coa súa argumentación consistente sobre a inaprazable
reforma da organización territorial e o terceiro, perigos de xogar con fume,
acabou acendendo unha rebelión entre determinados rexedores locais da súa
opción política.
A chapuza é clamorosa e nin se molestaron en dotar de argumentacións sólidas á
proposta. De presa e correndo acudindo á manida austeridade e a un suposto
aforro de recursos que non explicaron nin cuantificaron. Puxéronse a súa
disposición todos os (seus) medios de comunicación que continuaron a xogada nos
sucesivos días con reportaxes incluíndo supostos estudos faltos de todo rigor e
con artigos de opinión dos membros da claque popular. Acabouse constatando a evidencia
de que todo formou parte dunha estratexia deseñada desde a sede popular á que
se sumaron, gostosos, os medios.
O primeiro obxectivo quedou minimizado polo espléndido debut da nova voceira
parlamentar do BNG, aínda que non é nada doado trasladar a mensaxe nuns medios
totalmente hostís. A comparecencia de Feijóo semellou un chiste, e de chiste
chegouse á chistera da que sacou a fusión de dous municipios que xuntos chegan
apenas a 5.454 habitantes sen aportar ningún estudo económico que o xustificara
e sorprendendo aos propios veciños destes concellos e aos seus grupos da
oposición municipal que non sabían nada do asunto.
Ademais da falta dunha organización territorial adaptada á Galiza, os problemas
de financiamento dos concellos veñen da ausencia de xustiza e equidade na
participacións dos tributos do Estado reflectidas na ausencia de criterios como
o número de núcleos, a superficie dun concello ou o envellecemento da
poboación. Tamén veñen da prestación de competencias impropias, ou sexa servizos
de competencia doutras administracións pero que un concello acaba prestando
pola súa proximidade á veciñanza, sen que exista a asignación económica
correspondente, e que supoñen a cuarta parte dos orzamentos municipais.
As fusións ao chou que propón o PP obviamente non solucionan nada, máis que
desviar a atención dos asuntos verdadeiramente preocupantes. Aludindo a
pretendidos aforros que venden ben pero que en moitos casos son falsos,
espallan mensaxes extremadamente faltos de rigor e sen ningún estudo serio que
os avale.
Fusionar concellos pode supor aforro nalgúns casos ao compartir servizos ou
incluso poder prestar outros que por separado é imposible, pero en outros supón
incluso un incremento de gastos ou, o que é peor, trasladalos á veciñanza. Supoñamos
dous concellos cada un co seu centro de saúde que ao fusionarse redúcese a un.
Onde o colocamos e que pasa cos habitantes do concello desfavorecido? a conta
de quen van os desprazamentos non solo ao centro de saúde, senón ao resto dos
servizos incluída a casa do concello? E para complicalo aínda máis, o
envellecemento da poboación dificulta moito máis estes desprazamentos, sobre
todo agora cos continuos recortes en dependencia.
No momento que a poboación do concello desfavorecido se da conta da realidade
do que supón unha fusión, a cortina de fume esvaecese e a proba é a
multitudinaria presenza veciñal no pleno de Cesuras (o supostamente
desfavorecido) no caso posto como inicio. En todo caso é preciso un estudo
económico que xustifique ou desaconselle determinada fusión pois a casuística é
moi diferente e os resultados tamén. Ninguén, por outra parte, estará en contra
dunha fusión aceptada por todos os interesados e levada a cabo de mutuo acordo,
pero o que si está claro que iso non será unha solución aos problemas
económicos dos concellos.
Tampouco é solución un Convenio marco de colaboración para a xestión compartida
de servizos que pretende fomentar á Xunta que tería como obxectivo liberar aos
municipios da necesidade de creación dunha Mancomunidade ou Consorcio. E non é
solución porque é un mal parche, a solución ten que ser global e pasa por unha
organización territorial axeitada a Galiza defendida polo BNG dende hai moito
tempo. Unha organización onde sobran as Deputacións e os concellos se agrupan
en Comarcas definidas estratexicamente en función de criterios territoriais,
sociais, económicos e históricos. É nesas Comarcas, onde os servizos poden ser
compartidos de xeito eficaz e eficiente e abarcando todo o territorio. Pero,
insistimos, isto ten que vir acompañado dun novo modelo financeiro que resolva
todos os demais problemas comentados e xa definidos en varios artigos neste
mesmo medio.
O terceiro dos obxectivos de Feijóo era interno e atendía á crecente corrente
dun cada vez máis numeroso grupo de alcaldes dentro do seu propio partido a
favor da supresión das Deputacións, opinión comentada en “petit comité” pero
non recoñecida exteriormente. Co asunto das fusións pretendía desviar o debate
por outros camiños e evitar as discusións sobre a vixencia dos entes
provinciais. O asunto fóiselle das mans e provocou unha inesperada rebelión de
moitos dirixentes locais que, xa sexa por intereses particulares de
representación ou por propia lucidez política, plantaron cara ás fusións
reclamando, ademais de seriedade, que o debate se sitúe onde verdadeiramente
debe de estar e que é na modificación do financiamento municipal e a
delimitación de competencias coas súas correspondentes asignacións económicas.
En definitiva a aplicación do Pacto Local e o seu desenrolo.
Resumindo, as fusións serán boas ou malas segundo o caso e sempre teñen que vir
acompañadas dun estudo de viabilidade que as aconselle ou rexeite. Ademais
teñen que ser soportadas por un acordo político amplo e a conformidade da
veciñanza. Pero de aí a supoñer que poidan ser, así ao chou, a solución da
asfixia económica municipal vai un treito moi longo e non deixa de ser unha
broma de mal gusto.
Raúl Fernández Iglesias (Terra e Tempo).

4/05/2012

Fracaso rotundo da Xunta na xestión do incendio das Fragas do Eume.





A portavoz de Agricultura e Montes do BNG,
Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta parlamentaria en Comisión sobre os
medios activados para afrontar a loita contra o lume ante a situación
meteorolóxica existente.
súa intervención, a
nacionalista cualificou de “rotundo fracaso” a xestión da Xunta de Galiza na
extinción do incendio das Fragas do Eume e transmitiu a “gratitude” dende o
Parlamento galego, a todos os traballadores e traballadoras de loita contra
incendios que estendeu a aqueles que sen ter obriga de traballar colaboraron
activamente na extinción do lume.
Crónica dun fracaso anunciado
Para a deputada, ás
condicións meteorolóxicas adversas e a falta de medios e efectivos de loita
contra incendios evidencian a “crónica do fracaso anunciado” do Goberno galego
na xestión do incendio que asolou as Fragas do Eume e criticou as declaracións “grandilocuentes
e soberbias” realizadas estes días entre as que destacou as da propia
consellería de Medio Rural.
Neste sentido, reprobou que o secretario
xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernandez respondera a pregunta da
nacionalista que o día do incendio das Fragas, “permaneceron activos 70
incendios en Galiza” que foron afrontados na súa totalidade, circunstancia
sobre a que a parlamentaria do BNG preguntou por que ese día no Mapa colgado na
web de Medio Rural reflectía un Índice de Risco de Incendios “baixo ou
moderado”, agás a zona de Valdeorras e o Sur de Ourense, obviando o que estaba
a acontecer coas Fragas, “mentiron vostedes porque son vostedes uns
incompetentes”, dixo.
Veciños e alcaldes contra o Goberno
A deputada lembrou que os veciños e veciñas
afectados polo incendio das Fragas criticaron a maneira de xestionar a
situación por parte do Goberno coa “ocultación da realidade do incendio”
referíndose a lumes na Capela, Monfero ou Vilarmaior mentres silenciaban as
Fragas do Eume. A súa intención era clara, afirmou, “desviar a atención do que
alí estaba ocorrendo”.
Paz denunciou que os veciños sentíronse
“desamparados” ao chegar o lume as portas das casas tendo que desaloxar a 250
persoas ao que sumou as criticas realizadas polos alcaldes que afirmaron
publicamente o seu descontento pola “falta de coordinación no dispositivo da
Xunta de Galiza” e os traballadores e traballadoras que reprocharon á Xunta o
“fracaso da xestión no dispositivo”.
Falta de recursos humanos e materiais
A deputada do BNG volveu reclamar un
cambio de rumbo na política de xestión dos lumes en Galiza e reiterou que “a
prevención” debe ser prioritaria para abordar este problema que sempre se
repite ao darse condicións meteorolóxicas adversas polo que hai que dotar de
máis medios as brigadas “non hai ningún dispositivo activado de precampaña
activado”, censurou.
A parlamentaria nacionalista asegurou que
a merma das brigadas tamén pon en risco aos traballadores, “levan máis dun ano
sen repoñer efectivos” porque a famosa “austeridade” tamén a aplican neste
ámbito para “aforrar dous pesos e por cicatería”.
Paz responsabilizou ao secretario xeral de Medio Rural e aos membros do
Goberno do acontecido no incendio das Fragas do Eume e no resto de Galiza,
sabemos, dixo, que hai incendiarios, imprudencias e neglixencias pero un
Goberno non pode esconder a súa responsabilidade só na actividade dos
incendiarios porque da política forestal e da prevención “o responsable do
dispositivo de extinción son vostedes”, concluíu.

4/04/2012

Son uns orzamentos inxustos coa sociedade, inútiles para saír da crise e unha fraude a Galiza.



O portavoz do BNG no Congreso dos
Deputados, Francisco Jorquera, compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar
a valoración do BNG do proxecto de Orzamentos do Estado para 2012 presentado
onte polo goberno de Rajoy.

Jorquera afirmou que “a xuízo do BNG estamos
ante uns orzamentos socialmente inxustos, economicamente regresivos, que van
conlevar máis crise, máis paro e máis desigualdades sociais, e que ademais son
fraudulentos con Galiza”.

O PP sacrifica o emprego polas política de
axuste e prevé 630.000 parados máis este ano
Ademais, criticou que “con estes
orzamentos o goberno do PP sacrifica a recuperación, a xeración de emprego e as
políticas sociais polas políticas de axuste”.
Como proba diso, Jorquera
lembrou que “na propia previsión destas contas se contempla o incremento do
paro ao longo de 2012 en 630.000 parados máis”. “E teríamos que preguntarnos
-engadiu- cantos destes novos parados e paradas van ser galegos?”.

Un tesoirazo brutal ás
políticas sociais
Xa entrando en detalle, Francisco Jorquera
asegurou que “para o BNG é moi significativo que se recorten as políticas que
conlevan un maior investimento produtivo e que se recorten as políticas sociais
por riba da media”.
Como exemplos, citou que o recorte medio
por ministerios destes orzamentos é do 16,9%. En cambio, o recorte en Fomento é
do 34,6; en Industria do 31,9; en Agricultura do 31,2; en Educación, Cultura e
Deporte do 21,2%.
Ademais, o portavoz do BNG no Congreso
salientou que “é moi significativo os drásticos recortes en programas imprescindíbeis
para cambiar o modelo produtivo e para políticas sociais”.
Así, criticou que hai un recorte brutal en
I+D+i; hai un recorte significativo en programas de bolsas e axudas para
estudantes; recórtanse en 1.500 millóns as políticas activas de emprego e
prodúcese un extraordinario parón nas políticas de atención a persoas
dependentes.
Recortes sen precedentes en sanidade,
educación e políticas sociais
Por outra parte, Francisco Jorquera
advertiu de que “se ao forte descenso no gasto social que contemplan estes
Orzamentos unímoslle o límite de gasto e os obxectivos de estabilidade
orzamentaria que ven de aprobar o Congreso dos Deputados, co voto en contra do
BNG, para as Comunidades Autónomas, as consecuencias van ser uns recortes
sociais sen precedentes”.
Así, subliñou que nestes límites de gasto
aprobados impónselle ás Comunidades un limite para este ano do 25,8% do déficit
total de todas as Administracións públicas, “cando as autonomías xestionan o
44% do gasto de todas as administracións, e a maior parte deste gasto é para
políticas sociais básicas, como o ensino, a sanidade ou os servizos sociais,
que representan o 70% do seu orzamento”.
Ademais, denunciou que “a este forte
recorte no gasto social únese unha total e absoluta falta de equidade nas
políticas fiscais, e o mellor exemplo é a amnistía fiscal que contempla este
proxecto de Orzamentos cos defraudadores”.
“Por iso, para o BNG estes orzamentos son
moi brancos para que os defraudadores, pero moi negros para as maiorías
sociais”, asegurou Francisco Jorquera.
Fraudulentos con Galiza.
En segundo lugar, o portavoz do BNG no
Congreso amosouse convencido de que “estamos a falar duns orzamentos
fraudulentos con Galiza, pois reemprázanse compromisos fiábeis de investimento
no noso país pola propaganda”.
Así, alertou de que “no investimento
territoriarizábel por Ministerios contémplanse en Galiza un investimento de 397
millóns de euros; é dicir, 250 millóns menos que nos Orzamentos do pasado ano.
Ou o que é o mesmo, un descenso do 38,6%”.
Porén, Jorquera denunciou que “o Goberno
do PP intenta compensar este descenso creando un artificio mediante a
consignación de 1.304 millóns de euros ao sector público empresarial para
investir no noso país”. Sobre todo no que afecta ao ADIF, ao que se lle asignan
701 millóns para actuacións na liña do AVE Lubián e Ourense e 304 millóns para
a conclusión do eixo atlántico ferroviario A Coruña-Vigo.
O engano do PP cos 700 millóns para a liña
Lubián-Ourense
Sen embargo, para o deputado do BNG
“estamos ante pura propaganda”. E aportou probas:
-O endebedamento do ADIF previsto para
finais de 2012 é de 13.432 millóns. Ademais, neste proxecto de Orzamentos non
se contempla ningún incremento na transferencia patrimonial do Goberno ao ADIF
ao respeito da lei de orzamentos do ano 2011. “Polo tanto -subliñou Jorquera-
para que fose posíbel ese investimento no AVE Lubián-Ourense o ADIF tería que
endebedarse, e non está en condicións de asumir máis endebedamento e moito
menos por esa cantidade”.
-Se temos en conta o estado dos proxectos
dos distintos tramos da liña de alta velocidade Lubián-Ourense só se estaría
obxectivamente en condicións de executar en 2012, como moito, 200 millóns de
euros. “É imposíbel executar os 704 millóns que se consignan nestes
orzamentos”, engadiu Jorquera.
-”E moito máis, -proseguiu- se temos en
conta que estes orzamentos van ter de prazo 6 meses de execución debido a que
entre o seu debate no Congreso e no Senado, unha vez aprobados van quedar 6
meses para executar esta cantidade”.
Por iso, o portavoz do BNG non dubidou en
afirmar que “estamos ante un auténtico artificio orzamentario”.
Neste sentido, lembrou que na programación
plurianual da Lei de Orzamentos de 2011 contemplábase un investimento para a
liña de alta velocidade Lubián-Ourense de 81 millóns de euros para o ano 2012;
367 para o 2013; 375 para o ano 2014 e 500 millóns de euros para o 2015. Esta
era a programación plurianual prevista que se contemplaba para que esta liña
puidese estar concluída e operativa a finais do 2015 ou a comezos do ano 2016.
“E agora -advertiu- pretenden facernos
crer que van ser quen de executar 700 millóns de euros en 6 meses deste ano
cando resulta que o novo Goberno Central o propio goberno da Xunta xa sitúan o
horizonte de conclusión desta liña no ano 2018”.
“Son polo tanto cribles estes orzamentos
ou estamos ante pura propaganda preeleitoral? Por qué non hai un detalle nestes
Orzamentos da cantidade asignada a cada unha das actuacións necesarias para a
conclusión da liña do AVE entre Lubián e Ourense?”, preguntouse o deputado do
BNG.
Os grandes esquecementos destas contas con
Galiza
Ademais, Jorquera denunciou que “inflando
artificialmente a partida para este liña o goberno do PP tenta tapar outras
carencias evidentes dos Orzamentos do Estado con Galiza”. E puxo múltiples
exemplos: a rídicula dotación para modernización da liña ferroviaria entre
Ferrol e Coruña ou da liña entre Ourense e Lugo e entre Monforte e Ponferrada.
Ou as dotacións case nulas para os accesos ferroviarios os portos exteriores de
Ferrol e A Coruña; ou a ausencia de partidas para a rexeneración da ría do
Burgo; ou a dotación ridícula para as autovías interiores de Galiza, e en
especial a A-54 entre Lugo e Santiago.
O PP incumpre os seus compromisos co naval
de Ferrol
Do mesmo xeito, Francisco Jorquera
criticou a absoluta falta de dotación para o dique flotante e a sexta fragata
para os estaleiros públicos da ría de Ferrol. “Foron promesas eleitorais do PP
nas últimas eleccións xerais e que segundo Núñez Feijoo foron demandas que lle
trasladou a Rajoy na reunión que mantiveron ao máis alto nivel. Onde están esas
promesas? Nos orzamentos non hai nada para que sexan feitos”, afirmou.
O BNG vai presentar unha emenda á
totalidade
Ante esta situación, Jorquera anunciou que
“o BNG vai solicitar a comparecencia no Congreso dos responsábeis de Fomento e
das distintas empresas e organismos públicos dependentes dese ministerio para
que expliquen en detalle esas partidas; para que expliquen como van executar os
700 millóns de euros que artificialmente asignan á liña Lubián-Ourense”.
Por último, asegurou que “o BNG vai traballar dende hoxe para presentar
unha emenda á totalidade a este proxecto de Orzamentos Xerais do Estado”.