3/26/2011

"O vento comeza a rolar en Galiza" Carlos Aymerich.


O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de confirmar a plena legalidade do concurso eólico promovido pola Consellaría de Innovación e Industria do anterior goberno desestimando todos e cada un dos motivos impugnatorios aducidos pola empresa Enel Green Power, motivos que coinciden, no substancial, cos esgrimidos no seu día pola Xunta do PP e recollidos, nun exercicio insólito de sectarismo xurídico, na Exposición de Motivos da Lei do Sector Eólico.

A sentenza do alto tribunal desvenda as mentiras sobre as que Feijóo, coa inestimábel axuda doutros, construíu un dos seus grandes argumentos de campaña e unha das súas máis relevantes accións de (des)goberno: a entrega do noso vento a Fenosa e a empresas vinculadas directamente ao seu partido en troques de planos industriais e de postos de traballo inexestentes, puramente virtuais. Baste como exemplo o proxecto industrial de Fenosa Wind, comercialización de bombas de calor, avaliado positivamente malia contemplar un custo anual por posto de traballo creado de 3.571 euros, un soldo mensual de apenas 297 euros!

Entanto cesaba o subdirector de industria que dirixiu o concurso do PP, o inefábel conselleiro Guerra tentaba saír ao paso da sentenza argumentando que o novo concurso está “blindado por lei” e que a anulación do concurso do bipartito era obrigada á luz dos informes da Asesoría Xurídica e do Consello Consultivo, agochando que todas as observacións destes informes, emitidos sobre o proxecto de decreto regulador do concurso, foron incluídas na redacción final da norma. Feijóo, máis prudente, escolleu gardar silenzo. Porque o vento comeza a rolar contra o PP. Aos recursos contra o novo reparto eólico, a evidencia de que as bases foron incumpridas para non prexudicar a Fenosa, a denuncia da inconsistencia dos proxectos industriais escollidos súmase agora unha sentenza que obriga a depurar responsabilidades. Responsabilidades patrimoniais mais, sobre todo, responsabilidades políticas.

Porque o sectarismo eólico do goberno de Feijóo provocou un grave dano ao país: dous anos perdidos, milleiros de postos de traballo destruídos no sector e graves dúbidas acerca da viabilidade duns aproveitamentos eólicos que por causa da demora ven en risco o acceso á prima. E disto terá que responder alguén. Xa que nin Feijóo nin o señor Guerra o van facer voluntariamente, o BNG obrigaraos a dar contas no Parlamento.

E falando de responsabilidades, quen vai responder diante dos responsábeis do concurso do bipartito inxustamente vilipendiados polo PP e os seus corifeos? Quen vai recoñecer que o conselleiro Fernando Blanco e o Director Xeral de Industria, Anxo Calvo, actuaron conforme á lei e, ao facelo, defenderon os intereses xerais de Galiza? Vaise retractar alguén de tanta mentira, de tanto infundio, de tanta calumnia agora que a Xustiza comeza a pór a cadaquén no seu sitio? Tampouco nisto agardemos por eles. Feijóo seguirá mentindo. A nós nos toca reconstruír a verdade e recuperar a memoria. Afortundamente, non todos somos iguais.

3/23/2011

A ENTREGA DA VIVENDA PODA CANCELAR UNHA HIPOTECA


O BNG acada o opoio da Cámara galega para que a entrega da vivenda poda cancelar unha hipoteca
PLENO.-Isabel Sánchez argumentou que máis de 3.500 familias galegas, por mor da crise económica, non poden facer fronte ao pago da hipoteca e vense obrigadas a entregar a vivenda e pagar o resto da débeda

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2011. A portavoz de vivenda do G.P do BNG, Isabel Sánchez Montenegro, defendeu, en sesión plenaria, unha Proposición non de lei para reclamar do Goberno central a modificación da Lei Hipotecaria vixente que posibilite cancelar a débeda contraída coa entidade financeira cando esta quede coa vivenda, mediante un proceso de subasta.

A iniciativa defendida pola nacionalista acadou o apoio da Cámara galega a través dun texto transacionado con PP e PSdeG nos seguintes termos: O Parlamento insta á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno do Estado a promoción das reformas legais precisas para que, como regra xeral, a entrega do inmóbel considere saldada a débeda hipotecaria na súa integridade cando aquel fose a vivenda habitual do debedor e para os debedores de boa fe.

Galiza, líder en destrución de emprego

Para a deputada do BNG, a “grave” situación económica provocou que 248.000 galegos e galegas perderan o seu posto de traballo e 300.000 demandan un emprego o que está a constatar que Galiza “lidera a taxa de desemprego” do Estado español.

A deputada nacionalista asegurou que esta circunstancia laboral reduce “significativamente” o poder adquisitivo dos cidadáns e segundo os dados publicados polo Instituto Galego de Estatística, máis da metade dos fogares galegos chegan a final de mes con moitas dificultades económicas, que impide facer fronte ao pago das hipotecas.

Neste sentido, engadiu que estes galegos e galegas accederon a unha vivenda en propiedade no período de “bonanza económica” cando se concedían con facilidade préstamos hipotecarios aos que agora -dixo- “non poden facer fronte”, correndo o risco de perder as súas vivendas.

Familias galegas abocadas ás execucións hipotecarias

Sánchez afirmou que no bienio 2009-2010 produciuse “un incremento de máis do 70%” das execucións hipotecarias” a respecto do 2007-2008 e máis de 3.500 familias galegas víronse afectadas por estes procesos nos dous primeiros anos do Goberno Feijoo, sendo obrigadas a entregar a súa vivenda á entidade financeira que, ademais, perseguía ao debedor e os seus bens até cubrir a totalidade da débeda.

A parlamentaria nacionalista indicou que “o drama” destas familias non remata aquí e explicou que, segundo a lexislación vixente no Estado español, a pesar de entregar a vivenda a modo de pago da débeda contraída, esta medida non conleva “o resarcimento ou condonación da débeda” polo que o Banco faise cargo da vivenda, subástaa e se a poxa queda deserta a entidade financeira adxudícase o inmoble polo 50% da súa taxación e reclamando, a maiores, o resto da débeda da hipoteca.

Sánchez cualificou de “inxusto” este procedemento, pola forte depreciación dos ben inmóbeis experimentada nos últimos tempos, ao que hai que sumarlle a imposibilidade das familias afectadas a facer fronte ás hipotecas, non atopan comprador para a súa vivenda e manteñen unha débeda á que deben responder cos seus bens presentes e futuros, se os houber.

Esta situación –dixo- é consecuencia dos criterios aplicados cando eran sobrevaloradas as vivendas, nalgunhas ocasións do 120%, concedendo créditos facilmente porque viviamos “nunha bonanza económica”.

Bonanza económica para beneficio dos bancos

A deputada do BNG acusou ás entidades financeiras de taxar os inmobles por un importe moi superior ao real, que na actualidade está descendendo de maneira importante debido á crise económica e que non asumiran ningún risco, “mesmo agora seguen incrementando os seus beneficios económicos” ao adxudicarse as vivendas -espetou-.

A parlamentaria reclamou “medidas correctoras” da Lei Hipotecaria do Estado español á que cualificou de seren unha das “máis favorables ás entidades bancarias” da Unión Europea distando -asegurou- de Inglaterra, Francia, Alemaña ou Portugal onde están previstas condonacións da débeda a través de diversas formulas menos agresivas, ou como acontece en EE.UU coa entrega das chaves do inmoble.

Sánchez avogou para que “todos os parlamentos” sexan conscientes da protección dos máis débiles e reclamou avanzar na actual normativa hipotecaria para que cando o inmóbel sexa a vivenda habitual e existan garantías como a boa fe do debedor os tribunais podan declarar saldada a débeda coa entrega da vivenda.

3/18/2011

BNG A Pobra do Brollón. Presentación candidatura Municipais 2011

O triplo fracaso de Feijóo


1. Fracaso económico e social. “Galiza é un home en paro, unha familia que non chega a fin de mes, unha parella que non pode pagar unha casa, unha muller que cobra menos que un home polo mesmo traballo, trinta mil universitarios sen perspectivas de emprego, un inferno nas listas de espera sanitarias e milleiros de persoas que esperan a que lles paguen a lei de dependencia. Serei humilde e estarei á altura” (Núñez Feijoo, Chantada, 23 de Febreiro de 2009)


Dous anos despois en Galiza hai 45.000 parados e paradas máis, 75.000 empregos destruídos, 55.000 afiliados menos á Seguranza Social, máis de 600.000 galegos e galegas por baixo do limiar da pobreza, 43.000 dependentes á espera dunha prestación, 275.000 doentes padecendo o “inferno das listas de espera sanitarias” e 300.000 demandantes de emprego. Se mellorar a vida da maioría dos galegos e das galegas fose realmente o obxectivo do seu goberno, é obrigado concluir que Feijoo fracasou.

2. Fracaso democrático

Hai dous anos Feijoo prometeu “erradicar” o enchufismo e o clientelismo e “non volver falar deles en catro anos”. Dixera tamén en campaña que “se cometemos erros pedirei perdón, mais sempre despois de depurar responsabilidades”. Erros cometeu abondo mais responsabilidades non depurou ningunha. E non sería por falta de oportunidades tanto no seo do goberno, como do partido, os concellos e as deputacións. A non ser que a súa forma de depurar responsabilidades sexa a que praticou o pasado 24 de Febreiro en Ourense cando perguntado pola modélica política de persoal de Baltar contestou: “Agora vou para Xinzo e despois para Celanova”. Con que excusa xustificará agora Feijoo que tránsfugas comprados con cartos públicos encabecen as candidaturas do PP en Abegondo, Mos ou Folgoso do Courel?

Non é de extrañar que vaia estendéndose a idea de que Feijoo non é unha persoa fiábel, que carece de principios e de escrúpulos e que só se move polo seu interese persoal e partidario.

3. Fracaso na defensa do país

Incumprindo de forma flagrante o deber estatutario de defender Galiza, a súa identidade e os seus intereses, Núñez Feijoo pospuxo sempre na súa acción de goberno os intereses de Galiza aos cálculos e directrices do seu partido. Por orde de Xénova os deputados galegos do PP apoiaron o Decreto do Carbón, a privatización das caixas e un sistema de financiamento que non garante os recursos que os nosos servizos públicos precisan. E nunha teima suicida dedicou a perseguir o galego o empeño e os recursos que non aplicou para combater o paro e a precariedade. Os resultados están á vista.

Frente a un goberno fracasado, o BNG exerceu estes dous anos unha oposición firme traendo á cámara as demandas e os problemas reais do país, sentando as bases da alternativa que Galiza precisa. Alternativas de goberno e, sobretodo, políticas alternativas. É preciso recuperar o sentido xenuino da democracia para que os gobernos elixidos polo pobo defendan os seus intereses e non os dos mercados. É preciso recuperar a idea de que os sistemas económicos están para producir benestar e unha vida digna para todos. Que en Galiza o autogoberno é unha condición indispensábel para lograr unha sociedade máis xusta e máis estábel. E que na identidade que nos une reside a enerxía coa que esta vella Nación, superando a crise, construirá un futuro mellor.

3/16/2011

Contra a Lei de Augas. Charla informativa.

O venres 18 de marzo ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Monforte de Lemos haberá unha charla informativa organizada pola Plataforma Galega contra a Lei de Augas.

3/15/2011

Exposición fotográfica "Mulleres de Sil e Miño" na Pobra do Brollón.


A Exposición fotográfica"Mulleres de Sil e Miño" estará na Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón a partir do día 20 de Marzo e deica o 26. É unha exposición sobre os traballos, a vida e os mitos das mulleres das comarcas de Lemos, Chantada, Quiroga e o Courel. Precisamos a axuda de todas as persoas destas terras para recuperar a Memoria das mulleres anónimas e as menos anónimas que construiron o que somos hoxe.
Para colaborar no proxecto os interesados poden dirixirse ao local comarcal do BNG en Monforte (rúa Doutor Casares)todos os venres a partir das seis da tarde ou contactar a través de web mulleresentresileminho.blogpost.com.
O proxecto pretende ser algo vivo, que se vaia construindo cas aportacións de toda a sociedade á que vai dirixido este traballo.

3/13/2011

BNG-LUGO SUR. NO BO CAMIÑO. Ideas para seguir mellorando.


Onte no Pazo Condal de Monforte o BNG Lugo-Sul levou a cabo un Encontro Electoral de cara ás Eleccións Municipais baixo o lema "Ideas para seguir mellorando", ao que asistimos unhos douscentos militantes e simpatizantes. A apertura do acto correu a cargo da Responsábel Local de Monforte de Lemos, e a continuación tomou a palabra a Vicerresponsábel Comarcal . Na primeira quenda falaron os candidatos/as do BNG as alcaldías do Saviñao, Carballedo, Pantón, Taboada e Sober e no segundo acto interviron Xosé Lois Maceda, candidato a alcaldía pola Pobra do Brollón, Alfonso Piñeiro, candidato a alcaldía por Chantada e Severino Rodríguez candidato a alcaldía por Monforte. Unha vez rematadas as intervencións os/as asistentes poidemos facer uso da palabra e manifestar as nosas ideas e opinións. Somos a segunda forza política máis votada na comarca, por diante do PSOE, seguimos avanzando e estamos no bo camiño para facelo. Gañas, compromiso, ilusión e traballo non van faltar.