1/30/2011

CASTELAO SEMPRE." A Vixencia do seu pensamento."


"Tén Galiza un idioma propio?
Estamos fartos de saber que o pobo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, inmán do castelán e pai do portugés. Idioma apto e axeitado para ser vehículo dunha cultura moderna e co que ainda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas."
"O galego foi instrumento maravilloso da grande e única poesía lírica da Hispania e nel escribían os inxenios peninsulares, tanto de dentro como de fora da Galiza, cando a lingua de Castela non tiña categoría literaria.... O galego rexurdíu no século pasado con poetas tan esgrevios coma Rosalía, Curros e Pondal. O noso idioma ten tal fermosura que un poeta andaluz coma García Lorca non foi quén de resistir o seu engado e compuxo poemas en galego. O galego, somentes refugado polos señoritos, ou polos traballadores que quixeran ser señoritos, é hoxe o idioma que prefiren os intelectuais como vehículo da nosa cultura. Pero ainda que carecera de tantos méritos, abondaríalle ser a fala do pobo traballador para estar dignificado de por sí....."
"Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no esprito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsáchedes ao galego das igrexas, facendo que os representantes de Cristo expricaran o Evanxeo no idioma oficial que o pobo non falaba nin comprendía. Refugáchedes ao galego ante os Tribunais de xustiza e chegástedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo? Sodes, pois, uns fracasados"......
Algúns homes, galegos tamén, andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas ou das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses e renegan das inquedanzas que produce a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Máis eu dígolle que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais".
"Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes, nace pola predisposición psicolóxica dun pobo, que en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión".
"O problema do idioma na Galiza é , pois, un problema de dignidade e de liberdade, pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso esprito, porque queremos presentarnos diñamente no mundo...."
A. D. R. Castelao. "Sempre en Galiza"

1/28/2011

Que inversións, subvencións e convenios fixo ou ten pensado facer a Xunta na Pobra do Brollón?


As deputadas do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Isabel Sánchez Montenegro e Teresa Táboas
Veleiro, presentan na Mesa do Parlamento de Galiza a seguinte pregunta para a súa resposta escrita.
Nun momento de crise económica como o actual é máis necesaria que nunca a colaboración entre a Xunta de Galiza e os concellos do noso país. Sen esa colaboración os concellos non poderían, en moitos casos, acometer por si mesmos as inversións necesarias para poder prestar os servizos que precisan os veciños e veciñas. Unhas inversións que, ademáis, son fundamentais para o desenvolvemento de calquera concello é máis se falamos dos concellos do interior da Galiza, como é o caso dos concellos do sur da provincia de Lugo.
Polo exposto, formulamos as seguintes preguntas, para a súa resposta escrita:
1ª) Que subvencións se concederon pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras durante os anos 2009 e 2010 ao Concello da Pobra do Brollón?
2ª) Que inversións se teñen feito por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras durante os anos 2009 e 2010 no Concello da Pobra do Brollón?
3ª Pensa levar a cabo a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras algunha inversión no Concello da Pobra do Brollón durante o ano 2011?
4ª) De ser así, a que actuacións irán destinadas esas inversións, en que datas e con que orzamentos?
5ª Que convenios asinou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras co concello da Pobra do Brollón, con que finalidade e con que aportacións económicas?
6º) Pensa asinar algún convenio co Concello da Pobra do Brollón no ano 2011?
7ª) En caso afirmativo, con que finalidade e con que aportacións económicas?
Estas preguntas foron asentadas no Rexistro Xeral do Parlamento de Galiza o día 26-01-2011, para a sú resposta escrita.

1/16/2011

O BNG rexeita o novo Plan de Residuos por primar o negocio fronte o servizo público.



A portavoz de Medio Ambiente do G. P. do BNG, Isabel Sánchez, lamenta que o goberno de Núñez Feijóo optara co novo Plan de Xestiónde Recursos por primar o negocio fronte o servizo público, renunciando á reciclaxe como principal obxectivo.

Sánchez quere amosar o rexeitamento absoluto do BNG a dito Plan, que confirma, na súa opinión, todos os temores dos que xa viña advertindo esta formación política, que vai ser a reproducción dun modelo fracasado como é SOGAMA, criticado non só dende o ámbito político senón tamén dende o científico e medio ambiental.

A deputada nacionalista advirte que o novo Plan non vai cumprir as directrices europeas de cal debe ser a priorización no tratamento dos residuos, pois unha vez máis establece unha porcentaxe moi pequena para a reciclaxe.

Asemade, o propio Plan, recoñece que no que atinxe á compostaxe o obxectivo no prazo de dez anos é tres veces menor ao que se está conseguindo na actualidade na planta de Lousame. Unha nova mostra do que aposta a Xunta por este tipo de plantas.

Para Isabel Sánchez, compre salientar tamén a "sorpresa" que conleva este proxecto tan agardado e sobre o que xa advertíu o BNG no seu día: unha nova incineradora no sur, e que coidan moito de "non aclarar" cal vai ser a súa ubicación até despois das municipais polo evidente rexeitamento que vai provocar nos concellos afectados.

Neste sentido, critica que estea sendo esta unha práctica moi frecuente por parte do Partido Popular, sobre todo no eido mediambiental, pois a Lei de Augas tampouco se vai aplicar até despois das eleccións municipais, para evitar problemas incluso nos municipios onde gobernan.

1/14/2011

O BNG DA POBRA DO BROLLÓN VALORA MOI POSITIVAMENTE O “PLAN EMPREGA LUGO” PROMOVIDO POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO.




O Consello Local do BNG da Pobra do Brollón fai unha valoración "moi positiva" do Plan Emprega Lugo promovido pola Deputación Provincial de Lugo e que vai permitir que persoas en situación de desemprego poidan traballar para o Concello en tarefas de mantemento, mellora e conservación dos servizos públicos locais. O Plan vai axudar a paliar unha situción difícil en canto ao emprego, nun Concello no que por desgraza non abondan as oportunidades laborais. É polo que o BNG da Pobra do Brollón convida a todos os veciños e veciñas do Concello que se atopen en situación de desemprego, a que pasen polas oficinas municipais para informarse e facer, no seu caso, a correspondente solicitude.
Desde o BNG da Pobra do Brollón queremos poñer de manifesto a discriminación coa que a Consellería de Traballo da Xunta de Galiza, a través dos Plans de Cooperación Local, tratou ao Concello da Pobra do Brollón, donde soamente lle concedeu dous traballadores, faltando así ao compromiso de que ían ser máis xenerosos cos concellos que padeceron a crise das canteiras de pizarra.