3/26/2011

"O vento comeza a rolar en Galiza" Carlos Aymerich.


O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de confirmar a plena legalidade do concurso eólico promovido pola Consellaría de Innovación e Industria do anterior goberno desestimando todos e cada un dos motivos impugnatorios aducidos pola empresa Enel Green Power, motivos que coinciden, no substancial, cos esgrimidos no seu día pola Xunta do PP e recollidos, nun exercicio insólito de sectarismo xurídico, na Exposición de Motivos da Lei do Sector Eólico.

A sentenza do alto tribunal desvenda as mentiras sobre as que Feijóo, coa inestimábel axuda doutros, construíu un dos seus grandes argumentos de campaña e unha das súas máis relevantes accións de (des)goberno: a entrega do noso vento a Fenosa e a empresas vinculadas directamente ao seu partido en troques de planos industriais e de postos de traballo inexestentes, puramente virtuais. Baste como exemplo o proxecto industrial de Fenosa Wind, comercialización de bombas de calor, avaliado positivamente malia contemplar un custo anual por posto de traballo creado de 3.571 euros, un soldo mensual de apenas 297 euros!

Entanto cesaba o subdirector de industria que dirixiu o concurso do PP, o inefábel conselleiro Guerra tentaba saír ao paso da sentenza argumentando que o novo concurso está “blindado por lei” e que a anulación do concurso do bipartito era obrigada á luz dos informes da Asesoría Xurídica e do Consello Consultivo, agochando que todas as observacións destes informes, emitidos sobre o proxecto de decreto regulador do concurso, foron incluídas na redacción final da norma. Feijóo, máis prudente, escolleu gardar silenzo. Porque o vento comeza a rolar contra o PP. Aos recursos contra o novo reparto eólico, a evidencia de que as bases foron incumpridas para non prexudicar a Fenosa, a denuncia da inconsistencia dos proxectos industriais escollidos súmase agora unha sentenza que obriga a depurar responsabilidades. Responsabilidades patrimoniais mais, sobre todo, responsabilidades políticas.

Porque o sectarismo eólico do goberno de Feijóo provocou un grave dano ao país: dous anos perdidos, milleiros de postos de traballo destruídos no sector e graves dúbidas acerca da viabilidade duns aproveitamentos eólicos que por causa da demora ven en risco o acceso á prima. E disto terá que responder alguén. Xa que nin Feijóo nin o señor Guerra o van facer voluntariamente, o BNG obrigaraos a dar contas no Parlamento.

E falando de responsabilidades, quen vai responder diante dos responsábeis do concurso do bipartito inxustamente vilipendiados polo PP e os seus corifeos? Quen vai recoñecer que o conselleiro Fernando Blanco e o Director Xeral de Industria, Anxo Calvo, actuaron conforme á lei e, ao facelo, defenderon os intereses xerais de Galiza? Vaise retractar alguén de tanta mentira, de tanto infundio, de tanta calumnia agora que a Xustiza comeza a pór a cadaquén no seu sitio? Tampouco nisto agardemos por eles. Feijóo seguirá mentindo. A nós nos toca reconstruír a verdade e recuperar a memoria. Afortundamente, non todos somos iguais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario