3/23/2011

A ENTREGA DA VIVENDA PODA CANCELAR UNHA HIPOTECA


O BNG acada o opoio da Cámara galega para que a entrega da vivenda poda cancelar unha hipoteca
PLENO.-Isabel Sánchez argumentou que máis de 3.500 familias galegas, por mor da crise económica, non poden facer fronte ao pago da hipoteca e vense obrigadas a entregar a vivenda e pagar o resto da débeda

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2011. A portavoz de vivenda do G.P do BNG, Isabel Sánchez Montenegro, defendeu, en sesión plenaria, unha Proposición non de lei para reclamar do Goberno central a modificación da Lei Hipotecaria vixente que posibilite cancelar a débeda contraída coa entidade financeira cando esta quede coa vivenda, mediante un proceso de subasta.

A iniciativa defendida pola nacionalista acadou o apoio da Cámara galega a través dun texto transacionado con PP e PSdeG nos seguintes termos: O Parlamento insta á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno do Estado a promoción das reformas legais precisas para que, como regra xeral, a entrega do inmóbel considere saldada a débeda hipotecaria na súa integridade cando aquel fose a vivenda habitual do debedor e para os debedores de boa fe.

Galiza, líder en destrución de emprego

Para a deputada do BNG, a “grave” situación económica provocou que 248.000 galegos e galegas perderan o seu posto de traballo e 300.000 demandan un emprego o que está a constatar que Galiza “lidera a taxa de desemprego” do Estado español.

A deputada nacionalista asegurou que esta circunstancia laboral reduce “significativamente” o poder adquisitivo dos cidadáns e segundo os dados publicados polo Instituto Galego de Estatística, máis da metade dos fogares galegos chegan a final de mes con moitas dificultades económicas, que impide facer fronte ao pago das hipotecas.

Neste sentido, engadiu que estes galegos e galegas accederon a unha vivenda en propiedade no período de “bonanza económica” cando se concedían con facilidade préstamos hipotecarios aos que agora -dixo- “non poden facer fronte”, correndo o risco de perder as súas vivendas.

Familias galegas abocadas ás execucións hipotecarias

Sánchez afirmou que no bienio 2009-2010 produciuse “un incremento de máis do 70%” das execucións hipotecarias” a respecto do 2007-2008 e máis de 3.500 familias galegas víronse afectadas por estes procesos nos dous primeiros anos do Goberno Feijoo, sendo obrigadas a entregar a súa vivenda á entidade financeira que, ademais, perseguía ao debedor e os seus bens até cubrir a totalidade da débeda.

A parlamentaria nacionalista indicou que “o drama” destas familias non remata aquí e explicou que, segundo a lexislación vixente no Estado español, a pesar de entregar a vivenda a modo de pago da débeda contraída, esta medida non conleva “o resarcimento ou condonación da débeda” polo que o Banco faise cargo da vivenda, subástaa e se a poxa queda deserta a entidade financeira adxudícase o inmoble polo 50% da súa taxación e reclamando, a maiores, o resto da débeda da hipoteca.

Sánchez cualificou de “inxusto” este procedemento, pola forte depreciación dos ben inmóbeis experimentada nos últimos tempos, ao que hai que sumarlle a imposibilidade das familias afectadas a facer fronte ás hipotecas, non atopan comprador para a súa vivenda e manteñen unha débeda á que deben responder cos seus bens presentes e futuros, se os houber.

Esta situación –dixo- é consecuencia dos criterios aplicados cando eran sobrevaloradas as vivendas, nalgunhas ocasións do 120%, concedendo créditos facilmente porque viviamos “nunha bonanza económica”.

Bonanza económica para beneficio dos bancos

A deputada do BNG acusou ás entidades financeiras de taxar os inmobles por un importe moi superior ao real, que na actualidade está descendendo de maneira importante debido á crise económica e que non asumiran ningún risco, “mesmo agora seguen incrementando os seus beneficios económicos” ao adxudicarse as vivendas -espetou-.

A parlamentaria reclamou “medidas correctoras” da Lei Hipotecaria do Estado español á que cualificou de seren unha das “máis favorables ás entidades bancarias” da Unión Europea distando -asegurou- de Inglaterra, Francia, Alemaña ou Portugal onde están previstas condonacións da débeda a través de diversas formulas menos agresivas, ou como acontece en EE.UU coa entrega das chaves do inmoble.

Sánchez avogou para que “todos os parlamentos” sexan conscientes da protección dos máis débiles e reclamou avanzar na actual normativa hipotecaria para que cando o inmóbel sexa a vivenda habitual e existan garantías como a boa fe do debedor os tribunais podan declarar saldada a débeda coa entrega da vivenda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario