2/13/2011

A permanencia na escaleira


Afirmaba Einstein que era máis difícil rachar cun estereotipo que cun átomo. No caso galego, se existe un estereotipo xeneralizado de nós, sen lugar a dúbidas é o que nos sitúa nunha eterna permanencia na escaleira, sen subir nin baixar, nun continuo dubidar que nos imposibilita avanzar.

O físico alemán sorprenderíase se vira que no caso galego o estereotipo está a piques de converterse en cachizas, grazas ao presidente que desgoberna o noso país, porque el si sobe, pero de costas. A cuestión é ben sinxela, pois para conseguilo simplemente hai que facer todo ao revés do que procede. De aí que en só dous anos teñamos xa unha restra de decisións erradas: dende o ataque desapiadado contra a lingua e todos aqueles símbolos que nos identifican e nos definen como país; ata as modificacións da lei do solo que converten o noso territorio de novo nun campo de batalla; pasando por unha lei de augas que en lugar de recuperar os nosos recursos hídricos simplemente pretende recadar impostos; un novo reparto do vento galego que ía crear milleiros de postos de traballo e que vai camiño de converterse noutra das grandes mentiras deste Goberno dende o momento mesmo en que as empresas adxudicatarias renuncian a desenvolver os plans industriais; a través da monetarización nun momento no que están pechadas as billas dos créditos, polo que quedaremos sen postos de traballo e tamén sen os cartos; ou mesmamente esa ausencia absoluta de vontade para defender as caixas galegas, o noso tecido empresarial, ou a carencia de ideas coas que deter esa sangría continua de novos parados que nos vai deixando sen forzas para enfrontar o futuro. Un Goberno que amosa un absoluto desleixo para as cuestións estratéxicas para o país que goberna, pero unha impaciencia sen límites para as cuestións que lle amolan. Con un presidente que esta mesma semana no Parlamento confesou “in viva voce” que non tiña competencias dabondo para evitar que medre o número de parados na Galiza, que el non pode facer nada. Curiosa confesión de quen ansioso por chegar a gobernar so dous anos atrás, en plena campaña, prometía rematar coa crise en 45 días e as súas respectivas noites.

Preguntámonos entón as galegas e galegos: cal debería ser o seguinte paso que daría un gobernante responsable despois dun compromiso tan solemne co seu país? Está claro, non si? Porque o que nos transmitiu en directo este pasado mércores é aquelo que se chama nos combates de boxeo: tirar a toalla. É dicir, lanzala ao centro da lona para deter a pelexa. Neste caso el fíxoo no centro do debate político galego, no hemiciclo, diante de todos os representantes que elixiron os cidadáns, e que significa nin máis nin menos que sentirse impotente, darse por vencido, obrigando, de igual maneira que no boxeo, a parar de inmediato o combate xa que se está aceptando a derrota.

Exemplificando coa súa xestión un exercicio descrito maxistralmente por Julio Cortázar, aquel arxentino xenial que nas súas historias de cronopios e de famas escribiu as instrucións para subir unha escaleira ao revés: “Hay escaleras para subir y escaleras para bajar, lo que no se dijo entonces es que también puede haber escaleras para ir hacía atrás. Los usuarios de estos útiles artefactos comprenderán sin excesivo esfuerzo que cualquier escalera va hacia atrás si uno sube de espaldas, pero lo que en esos casos está por verse es el resultado de tan ínsolito proceso

Teresa Táboas (Coordenadora do BNG)

No hay comentarios:

Publicar un comentario