2/20/2011

Lei de augas. Cobrar até pola auga das fontes!!!


O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no Parlamento 14.000 sinaturas no que reclama a supresión do recentemente aprobado canon da auga. A lei supón privatizar este recurso e facerlle pagar á cidadanía até polos mananciais das fontes.
O conselleiro do Medio Ambiente, Agustín Hernández, afirmou no Parlamento que mentres el fose conselleiro non lles cobraría o canon da auga, que recentemente entrou en vigor, nin ás fontes nin ás traídas comunais.

Pero como a lei aprobada faculta para cobrar, desde o BNG afirman que o mellor é derrogala.

Para o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, esta normativa é “fundamentalmente recadadora. E o cobrar pola auga mesmo da choiva non pode quedar en mans dun conselleiro”.

A continuación realizamos unha análise do que suporá o canon dos acuíferos, tomando como base o informe que, no seu día. presentou o Sindicato Labrego Galego.

Que supón a Lei de Augas?

A lei de Augas de Galiza supón a apropiación e privatización de todas as augas. Ademais, fixa un prezo para a auga, un canon que pretende estabelecer para toda a auga, a maiores do prezo de subministración que estabelecen os Concellos ou entidades administradoras.

A auga, que é un ben básico, convértese en negocio e da pé a que se privatice e se especule con ela.

Ademais, esta lei supón unha grande agresión á realidade galega, concretamente ás áreas rurais, onde os servizos sempre os fixeron e custearon os veciños. Agora tratan non só de apropiarse das traídas, senón dos acuíferos e fontes.

A auga deixa de ser un ben público

Até de agora pagábase polo subministro e a depuración cando se prestaban estes servizos. Con esta lei, ademais de pagar polo servizo, haberá que pagar pola auga en si: a auga pasa a ter un prezo.

Por todas as augas, sexan de subministración pública ou dos veciños, da superficie ou do subsolo, nazan en terra pública ou privada. Aínda a da choiva e a do mar no caso de seren aproveitadas.

A súa xestión será privada

Até agora, a Xunta asumía todas as competencias en materia de augas. Coa entrada en vigor desta lei, Augas de Galicia asume todas as competencias en materia de augas e as obras hidráulicas, amais das competencias propias da política de abastecemento e saneamento, a intervención na planificación territorial e urbanística, e, tamén, na materia tributaria das augas.

Augas de Galicia será a administradora única e ordinaria da política de augas. É unha empresa pública que axustará a súa actuación ao dereito privado, o que significa que xestionará as augas (ben público universal) coma unha empresa privada.

O Parlamento perde o control das augas e da súa xestión. Augas de Galicia só terá que render contas ante a Comisión do Control de Contas.

Como lles afecta ás vivendas

Todas as vivendas terán que pagar o canon da auga, independentemente que a traída sexa municipal, da comunidade de veciños ou particular. Tamén terán que pagar no caso de que a auga proceda dun pozo propio, unha fonte ou se aproveite a da choiva.

No caso de que a traída sexa municipal ou dunha empresa subministradora, a maiores haberá que pagar o prezo da subministración e da depuración.

O prezo vén determinado por unha parte fixa, que corresponde ao número de persoas que viven na casa, e unha parte variábel, en función do volume de auga consumido. Estabelécese unha cota fixa de 1,50 euros por contribuínte ao mes.

Para as traídas propias ou dos veciños, haberá que pagar 0,1 euros por metro cúbico.

Para os usos agrícolas e forestais ou gandeiros, existe unha parte fixa de 2,50 euros por metro cúbico, e unha parte variábel. Sempre que non exista contaminación por pesticidas, fertilizantes ou xurro, estas explotacións estarán exentas do canon.

Cando non haxa contador, usarán o método de estimación directa, podendo ter en conta a capacidade de extracción ou almacenamento.

¿Como van tomar os veciños do rural, dos que nunca se preocuparon que tivesen auga corrente e menos saneamento, ter que pagar este canon? De momento, semellan tranquilos pois non saben o que se lles vai vir encima, malia os 200 actos que realizou o BNG e a campaña do Sindicato Labrego Galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario