1/30/2011

CASTELAO SEMPRE." A Vixencia do seu pensamento."


"Tén Galiza un idioma propio?
Estamos fartos de saber que o pobo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, inmán do castelán e pai do portugés. Idioma apto e axeitado para ser vehículo dunha cultura moderna e co que ainda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas."
"O galego foi instrumento maravilloso da grande e única poesía lírica da Hispania e nel escribían os inxenios peninsulares, tanto de dentro como de fora da Galiza, cando a lingua de Castela non tiña categoría literaria.... O galego rexurdíu no século pasado con poetas tan esgrevios coma Rosalía, Curros e Pondal. O noso idioma ten tal fermosura que un poeta andaluz coma García Lorca non foi quén de resistir o seu engado e compuxo poemas en galego. O galego, somentes refugado polos señoritos, ou polos traballadores que quixeran ser señoritos, é hoxe o idioma que prefiren os intelectuais como vehículo da nosa cultura. Pero ainda que carecera de tantos méritos, abondaríalle ser a fala do pobo traballador para estar dignificado de por sí....."
"Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no esprito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsáchedes ao galego das igrexas, facendo que os representantes de Cristo expricaran o Evanxeo no idioma oficial que o pobo non falaba nin comprendía. Refugáchedes ao galego ante os Tribunais de xustiza e chegástedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo? Sodes, pois, uns fracasados"......
Algúns homes, galegos tamén, andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas ou das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses e renegan das inquedanzas que produce a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Máis eu dígolle que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais".
"Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes, nace pola predisposición psicolóxica dun pobo, que en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión".
"O problema do idioma na Galiza é , pois, un problema de dignidade e de liberdade, pero máis que nada é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso esprito, porque queremos presentarnos diñamente no mundo...."
A. D. R. Castelao. "Sempre en Galiza"

No hay comentarios:

Publicar un comentario